As rosaleiras e rosaleiros, a través do seu relato oral, convértense en protagonistas do proxecto “De Avoas a Netas: Nomeando o Rosal”.
👉🏼 María Concepción Rodríguez Vicente, máis coñecida como “Concha”, é a nosa primeira entrevistada.
🏠 Nada en Marzán en 1953, a súa biografía foi tecida co fío do esforzo e da resiliencia. Con só 14 anos tivo que deixar a escola para axudar na casa e no campo, e aos 19 emprendeu o camiño da emigración cara Suíza xunto ao seu home.
🍴 Alí traballou como cociñeira e, tras dúas décadas como temporera e temporero, regresaron á súa terra para instalarse en Pancenteo, nunha casa erguida “por anacos” co froito de anos de traballo lonxe do fogar.
🧵 Moito antes de ser avoa, Concha foi neta, e da súa avoa herdou ese amor pola costura, polos procesos lentos e o traballo ben feito.
🧶 Aos seus 72 anos, Concha foxe da cultura do “usar e tirar” que nos rodea. Para ela, remendar, coser e descoser é unha forma de vida que a mantén activa e conectada.
🪡 Para nós, é un privilexio tirar do fío da súa memoria e descubrir que, en cada puntada, reside a historia viva do Rosal que non queremos esquecer.